A ruta do sábado pasado continuou pola pista de terra que vai até Arou. En realidade o que é de terra chega a Santa Mariña, despois xa está asfaltada. Pola enseada de Reira parei diante da rocha dos namorados, coa imaxe fantástica do cabo Vilán no fondo.

Continuamos coas fotos da sesión do sábado pasado. O cabo Vilán tan espectacular coma sempre, aínda co engadido da enorme pranta de producíón de rodaballo que estropea un pouco a chegada. A primavera coouse até nos escarpados cantís a carón do faro.

Sábado con tempo de verán, ben aproveitado nunha tranquila viaxe pola Costa da Morte máis profunda: entre o cabo Vilán e Camelle, case nada. A dicir verdade, comecei a ruta nos Muíños, Moraime e a praia de Lago, unha das máis fermosas de Galicia para o meu entender. A imaxe da praia cos piñeiros en primeiro termo e o faro ao fondo sempre me pareceu moi bonita, así que aí deixo a panorámica.
Moita auga a que está a caer estes días. Ía quedar na casa sen saír, pero xustamente no xornal de hoxe viña un artigo sobre as fervenzas da Costa da Morte, e picoume a curiosidade de ir vistar algunha delas. Decidinme pola de Rus, xa que era a de máis doado acceso, e coido que acertei coa viaxe e co día elixido. Un paseíño costa arriba duns cincuenta metros por unha pista ampla e ben arranxada e alí me situei na base da férveda de Rus. Aí deixo a proba.

Coa chegada de abril as árbores botan follas, aparecen as frores e o campo amosa as súas mellores cores. Iso si, hai que estar preparado para o tempo máis cambiante do ano: a semana pasada na praia a máis de 25 grados, e estes últimos días rispando os 10 e con chuvia abondosa. Do fin de semana pasado son estas fotos: o sábado andei pola península do Grove, preciosa coma sempre; o domingo, pola praia de Broña, a primeira da costa norte da ría de Muros-Noia. Coido que nuns días voltará o sol, cada vez teño máis gañas de saír de ruta fotográfica.


Moitos días sen actualizar, i é que o mes de marzo foi pouco propicio para saír de ruta. Só saín un día por terras de Herbón e pouco máis. Iso si, descubrín un fermoso miradoiro, o do Castelo, ao que se sube desde Ponte Nafonso. A vista é espectacular, aínda que o día que subín facía un vento frío que desaconsellaba parar demasiado tempo alí.

Había que aproveitar este tempo tan formidable dos últimos días, xa con tardes máis longas que permiten ter máis tempo para saír. A cousa comezou en Noia, onde tiña eu unha débeda coa praza do Tapal e a fermosa igrexa de San Martiño. Débeda saldada…

A ruta seguiu pola costa, con paradas en lugares que tiña marcados xa hai tempo para completar a colección: parei na praia da Gafa, a carón de Portosín, e xa seguín até chegar ao remate da estrada en Ribeira. Aquí parei na praia de Coroso, e unha hai tempo desexada parada no bonito porto de Palmeira.
A viaxe fotográfica rematou en Cabío, contemplando o solpor desde o paseo da praia. A tarde resultou divertida, como siga o tempo así a vindeira ocasión son capaz de darme o primeiro baño do ano…

Xa tardaba eu moito en voltar pola Costa da Morte… Sábado de inverno, nada que facer, os días que xa se van estirando pouco a pouco… En fin, que había que ir a algún lugar dos chamados clásicos. Tras pensar polo camiño en ir até a punta Nariga, ao cabo rematei en Corme e na punta Roncudo. Por alí andaba bastante xente, entre paseantes e pescadores, e para ser o lugar que é podemos dicir que o mar estaba bastante tranquilo. Coido que nunca fixera unha panorámica desde este lugar, así que aquí deixo unha recén sacada do forno, xusto ao solpor.
Este sábado era obrigado aproveitar o bo tempo, cun bonito sol de inverno, temperaturas agradables e, iso si, un pouco de brétema na costa. Para unha viaxe curta non hai nada coma andar pola banda sur da ría de Noia. Parei primeiro en Xuño, a ver a ponte romana, e despois metinme pola estradiña de Espiñeirido, collendo un desvío pouco antes de Seráns. Desde alí cheguei máis ou menos ao remate da praia de Basoñas, desde onde hai un paseo de madeira que coido debe chegar até a lagoa de Muro. Fixen unha panorámica desde unha pequena duna, encántame as cores tan brancas da escuma das ondas co sol tan baixo, un clásico destas épocas…

Moito tempo sen saír de safari fotográfico… En fin, que este sábado voltou o sol por estas terras e aproveitei para achegarme até o monte Graial, ao que xa lle tiña botado o ollo hai uns meses. Están facendo por alí un parque eólico, e as pistas de acceso están moito mellor que anos atrás. Resulta interesante a vista que desde alí temos da serra do Barbanza, desde o Iroite até os Forcados, e mirando cara á outra banda, a panorámica da ría de Muros e Noia tampouco desmerece o máis mínimo.






